top of page
  • Foto del escritorMarta Cuba

Visións

A experiencia visionaria, baixo os parámetros do mundo tal como hoxe o coñecemos, resúltanos bastante incomprensible, arcaica e máis propia da Idade Media ou de culturas mal chamadas ‘primitivas’ . Hai estudos, na actualidade, que tratan de desfacer esa sensación de estrañeza que nos produce o concepto da visión, traer ese tipo de experiencias á modernidade, para traducilas a realidades máis coñecidas e comprensibles aos nosos ollos. Por exemplo, Victoria Cirlot establece paralelismos entre as visións da época medieval, un mundo impregnado pola relixión e a experiencia do sacro, e as visións da época moderna, que ela identifica coas do artista, pois as descricións que fan algúns deles coinciden nalgún sentido coas das visionarias medievais. Ambos non deixan de ser unha canle, a través da cal, a visión ‘aparece’, é dicir, tanto a mística medieval como o artista moderno reciben esas imaxes de maneira pasiva, aínda que para chegar a elas sexa necesario unha dedicación, constancia e traballo que indubidablemente son moi activos. Tamén Victoria Cirlot comparou a experiencia da imaxe visionaria coa imaxe que se xera en soños, ambas as imaxes pertencen a outra dimensión. Durante a Idade Media, a esa facultade chamóuselle o ollo interior, o ollo da mente, o ollo do corazón ou o ollo visionario.

Pero hai outro tipo de visión, propia da mitoloxía galega, que non abre as portas da percepción espiritual, senón máis ben, poderiamos dicir que abre as portas da dimensión temporal e en concreto as do purgatorio. Pois na mitoloxía propiamente galega o mundo dos vivos e o dos mortos non son planos estancos e inconexos. Ao celestial e divino na cultura galega chegábase por intermediación das ánimas que poboaban abundantemente o purgatorio, esta frase recolle moi ben ese sentido de conectores e psicopompos que encarnaron as ánimas dos defuntos en Galicia: 


“eu ás ánimas teñolles moita fe, aos santos non, pero ás ánimas…”

É, por tanto, unha esencia da cultura galega, que a conexión coa divindade tivese un vínculo especial coa capacidade para romper a dimensión temporal. Na noite de defuntos, como na de San Xoan, as portas do Alén ábrense e o mundo dos vivos atópase co dos mortos, unha noite adimensional e atemporal na que pasado, presente e futuro xúntanse nesta celebración. Esta capacidade para romper a linealidade do tempo está igualmente presente durante todo o ano e é a que queda propiamente patente nalgúns dos relatos de visións que tiveron lugar na aldea da que proceden meus pais, San Simón da Costa.

A visión non está unicamente restrinxida ao órgano da vista, todolos demáis sentidos tamén poden experimentar visións, casos téñense dado tamén de ter visións mediante o olfato. Concretamente a miña tía tivo unha visión que máis que visión podería definirse como unha ‘audición’, pois non viu nada, senón que oíu. 


Unha práctica habitual por aquel entón era acudir ao río para ir lavar a roupa, aínda que hoxe parézanos prehistórico, non é tan afastado no tempo, pois se trata da irmá do meu pai, tan só unha xeración anterior á miña. Mentres lavaba no río, lugar ao cal acudía con frecuencia e por tanto coñecía perfectamente, escoitou o pranto moi desconsolado de alguén que pasaba por un camiño próximo, e que soaba achegándose cara a onde ela estaba. Ese pranto produciulle un escalofrío que lle invadiu todo o corpo e non puido facer outra cousa que saír correndo para volver a casa e contalo de inmediato á súa familia. O caso é que poucos días máis tarde, estando ela xa na Coruña, recibe unha chamada informándolle da morte do seu pai. Así é como, xunto co seu irmán, acoden á casa familiar desconsolados. Con todo, déronse unhas circunstancias moi específicas no seu regreso que lles impediron facer o camiño habitual polo que adoitaban chegar a casa. Os avatares do destino fixéronos percorrer o camiño que pasaba xustamente por enriba do río no que ela estivera lavando poucos días antes. E agora sí, era ela mesma a protagonista da súa visión, pois o son do pranto desconsolado non era outro que o seu, e ademáis presaxiaba a morte do seu pai.

Podemos contar outra, cuxa protagonista foi unha nena (resulta rechamante que fosen moitas veces mulleres, e nenas as que tiñan estas visións), ela tivo a visión clara de como unha caixa cun defunto subía polas escaleiras da casa, detalle este que non adoitaba ser moi común, pois o habitual é que as caixas cos defuntos baixasen, non subisen, pois o falecido adoitaba estar no cuarto. Pois neste caso, que ademáis era a sua nai, deulle un infarto estando fóra de casa, e cando a trouxeron a casa traíana nunha caixa, que efectivamente subiu polas escaleiras que daban aos cuartos.


Case todas as visións que tiñan lugar na miña aldea estaban en relación cunha morte futura, que ademáis se recoñecía con detalles a partir de circunstancias moi específicas, que contraviñan os costumes habituais. A visión ocupábase de dar detalles moi específicos, incomprensibles no momento, pero que collían todo o seu sentido unha vez se producía o presaxio.


Ilustración da lenda da muller cerva, do castelo de Doiras. Pablo Gallo

Pode que hoxe en día non sexan moitas xa as diferencias entre vivir no rural e vivir na cidade, a mitoloxía propia da forma de vida rural xa está practicamente extinguida, a fin e cabo o que impera é a visión utilitarista e interesada das cousas, o que vive no campo verá a natureza como un medio de sustento e o que vén da cidada veráa como un medio no que poder descansar, facer deporte ou vivir experiencias. O tipo de percepción cotidiana, dirixida polos nosos hábitos e tamén pola orientación dos nosos intereses fai que vexamos únicamente aquilo que nos é útil. Pero a este mundo da percepción usual oponse o mundo da percepción estética ou sensible, isto quere dicir deixar de percibir as cousas dende un punto de vista utilitario, mirar o mundo con ollos de artista, ainda que seña un concepto de artista que quizás hoxe xa non se leva, trataríase daqueles artistas que miran unha cousa en sí mesma e non no seu beneficio. Percibir por percibir, sen ningún outro obxecto que o placer de facelo. Este modelo de percepción conecta tamén coa visión do filósofo. Neste sentido foron os filósofos os que afirmaron que ao lado dunha verdade lóxica hai unha verdade estética, e que ademáis nos conduce a unha verdade ética. Pois o carácter desinteresado da emoción estética fainos atopar un nexo profundo entre o recorrido estético e o ético. Kant sostiña que “interesarse inmediatamente pola beleza da natureza é sempre signo dunha alma boa“. 


O espíritu vólvese eterno na medida en que percibe as cousas dende a perspectiva da eternidade. Este xeito de percibir o mundo estivo fondamente arraigado en todalas culturas tradicionais, según nos di Titus Burckhardt “en todas as sociedades tradicionais o artista non era un tipo especial de persoa, senon que cada persoa era un tipo especial de artista“. A mitoloxía, que é a forma na que as civilización tradicionais encaran o mundo, sería pois un medio non so de coñecemento colectivo, tamen artístico, unha grandísima obra de arte colectiva sen firma nen ego de autor. Pierre Hadot no seu libro ‘El velo de Isis’ dinos o seguinte:


“se pensamos que hai unha relación entre a produción das formas a través da Natureza e a produción das formas a través da imaxinación humana, poderiamos dicir que inventar mitos equivale a prolongar o xesto fundante da Natureza que produce as súas formas.”

A idea neoplatónica según a cal a natureza é mítica, atopa aquí un sentido moi profundo. 


3 visualizaciones

Comments


bottom of page