top of page
  • Foto del escritorMarta Cuba

Do alto de San Roque a Pacios

O pasado martes, 1 de agosto, tivemos o privilexio de asistir a unha ruta xeopoética entre o alto de San Roque no Cebrerio, e Pacios, na serra do Courel, da man de lecturas da poeta Nieves Neira e o guía de plantas e flora, Marcos Reinoso. Dentro do VIII Festival dos Eidos que organiza a Fundación Uxío Novoneyra, trátase da cuarta interpretación xeopoética que se celebra dos poemas do libro “Ámeto Mítico. Arrodeos e Desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas”, de Uxío Novoneyra.

A un lado i autro del todo o horizonte en vela os Ancares i o Courel.



Non é en balde que a este cardo se lle coñeza como lanudo, pois en moitas ocasións os cardos serviron para desenredar a lá e podela fiar. Tanto que a propia tarefa de “cardar” acabou recibindo o seu nome. Tamén hoxe fiamos, recorrendo un camiño a pé que nos leva polo texido dos versos de Novoneyra.



Divisamos Veiga de Forcas

Comezamos no alto de San Roque, cunha néboa que non pode resultar mellor escenario para escoitar os poemas de Uxío recitados por Nieves Neira, cuxa orixe paterna está precisamente no destino da nosa ruta, en Pacios.

Polo Real de Parada Por Savane e por Piñeira Pontalor e Fondestela cara Pacios de Lousada o solar da miña mai. Polas rotas do meu pai i a miña irmá cabaleira. Coma se fora candi-el coma se fora candi-ela a Pedrafita á feira. Por Grandalonga e Liñares deixando a do Courel pola vista dos Ancares.


Milenrama ou herba de Aquiles

Segundo Plinio, o nome latín Achillea deriva do grego achilleía que se refire a Aquiles, o heroe da guerra de Troia, quen foi iniciado polo centauro Quirón na utilización das plantas na arte da medicina. Esta aprendizaxe serviulle para curar aos seus guerreiros. A milenrama considérase unha planta medicinal clásica. Dioscórides, Plinio e Hildegard von Bingen recomendaban a milenrama para coagular o sangue e cicatrizar as feridas. Tamén se describiu a súa capacidade para estimular o apetito e favorecer a dixestión. A milenrama tamén tivo fama de máxica, de protectora, fama de planta oracular que revela o porvir en soños, ou en hexagramas. Na Idade Media e probablemente ata ben tarde tamén na cultura popular labrega, críase fortemente na conexión espiritual e mental para a saúde do home. Entre un máis se afastase da súa espiritualidade, máis repercusións físicas habería.



Milenrama (Achillea santolina) Aguafuerte, c. 1718, según C. Aubriet.

Cenoura silvestre

Según recolle a wikipedia, é probable que os antepasados silvestres da cenoura viñesen de Irán, país que continúa sendo o centro de diversidade da especie silvestre D. carota. O cultivo selectivo durante séculos dunha subespecie natural desta, Daucus carota subsp. sativus, deu lugar á hortaliza común. Tamén de Persia é orixinal o poeta Rumi, influencia notable en Uxío, e do que tamén Nieves nos leu algún dos seus marabillosos poemas.

“Deixa o teu lugar de honor porque a rota mesma o é”. Con esta cita de Rumi abre Uxío o seu Ámeto Mítico.


Nos arredores e desvíos do Camiño de Santiago non podía faltar a herba do Santiago ou herba do sapo (Jacobaea vulgaris).


As clavelinas ou caraveis da montaña levan no seu nome científico unha palabra asociada ao divino da súa fragrancia. Dianthus provén dunha combinación de palabras gregas (flor de Zeus) cuxa tradución podería interpretarse como a deusa das flores ou flor divina. A palabra foi utilizada fai miles de anos, no século IV a.C. polo filósofo grego Teofrasto, pai da botánica.



Capudre e os seus característicos frutos vermellos

Reboleira de Veiga de Forcas

A rebola é unha variante da familia do carballo moi abundante na zona, recoñecible polo tacto sedoso das súas follas. A medida que a poboación foi disminuindo e polo tanto as terras deixaron de ser traballadas, esta especie aumentou a súa superficie ampliamente, neste caso forman un fermoso bosque que marca a entrada ao pobo de Veiga de Forcas. A evolución da paisaxe marcada polo despoboamento fálanos tamén de historia, xa os noso antepasados entenderon que a natureza é un grande libro e tamén o símbolo total a partir do cal coñecer o universo enteiro. Para o home medieval, non existía distancia entre él e o medio natural, e polo tanto non había unha relación estética coa natureza tal como hoxe a entendemos, nin tampouco unha admiración desinteresada da súa beleza, a natureza era unha vía de coñecemento, unha vicaria de Deus na terra. O marabilloso poema Roman de la Rose, escrito por Guillaume de Lorris e Jean de Meung é un exemplo desta cosmovisión propia da época, que por outra banda tanto influiu tamén ao noso poeta do Courel.








Chegando a Veiga de Forcas

Igrexa de Santa María de Veiga de Forcas

Casa torre de Veiga de Forcas






O camiño secciona aquí a parede rochosa que forma as “Penas do Marco de Medio Mundo”, nome popular co que se coñece este gran afloramento de cuarcita que cruza o Courel de Pacios ata Chan de Pena. A cuarcita, pola súa dureza, é menos susceptible á erosión natural, polo que é habitual atopala emerxendo do chan en forma de camellón. Esta muralla natural, á que Novoneyra dedicou algúns dos seus versos en “Os Eidos”, actúa como porta de entrada ao Xeoparque Mundial da UNESCO das Montañas de Courel, onde as rocas revelan unha historia de máis de 500 millóns de anos.





Escudo na casa señorial de Pacios

Según recolle a web de Ámeto Mítico San Lourenzo de Pacios é unha parroquia do municipio lucense de Pedrafita do Cebreiro, Lugo. Nesta parroquia encontrase a casa señorial de Pacios. A Fundación Novoneyra posúe unha copia do sub-fondo Neira e Pol, que comprende a documentación acumulada pola Casa de Pacios de Lousada entre principios do século XVI e o século XIX. A esta familia pertencía Uxío Novoneyra, por liña da súa nai, se ben a herdanza do pazo se transmitiu ao varón, Eugenio Neira Bello, pai do último propietario, Manuel Neira Pol, e primo-irmán moi querido do poeta. Á morte deste, no ano 2014, os fondos de arquivos pasaron a formar parte do Arquivo da Fundación.


DO Carbedo i Esperante
su Mostad a Pontalor
cara Pacios do Señor
o da torre de levante.
Grandalonga i o Hospital
pro Cebreiro por Liñares
levando de cara Ancares
esquecido o Grial.



4 visualizaciones

Comments


bottom of page