top of page

Simbolismo

Como parte dos meus procesos creativos levo a cabo unha labor de investigación que documento no blog, conxugando relacións simbólicas entre natureza sacra, Románico, tradición xacobea, simbolismo do xardín, Texto Sacro, simbolismo do templo cristián e psicanálise.

Por mor do meu último proxecto artístico titulado Venera, levei a cabo un proceso de investigación sobre o simbolismo do xardín, tomando como punto de partida o tema artístico do hortus conclusus. Nas entradas aquí mostradas recompilo parte dese estudo, dando continuidade á comprensión do xardín pechado medieval e actualizando a súa significación simbólica conectada á do paraíso como símbolo do centro. No vínculo entre xardín e horto descubrimos a noción tripartita do xardín pechado medieval, en relación cos tres tempos do ciclo da terra (sementa, xerminación e recolección). Desde o momento en que somos expulsados do xardín primordial, vémonos abocados a percorrer un vector intermedio que atravesa os tres tempos do xardín, que na tradición cristiá son: o xardín do paraíso, o da agonía e o da resurrección. Ese axis mundi é o desexo mesmo, que vai do que aínda non é psíquico/espiritual (ter sede e ter fame) aos máis altos alcances psíquicos/espirituais do ser humano: o Amor.

2

A partir da miña estancia de 2 anos en Doncos (Os Ancares), comecei unha práctica de estudo que se inicia visitando diferentes templos ou igrexas da comarca, atraída particularmente polas pinturas murais, que na maioría dos casos atópanse nun estado de abandono e descoñecemento elevado. Penetrar nos tesouros ocultos da montaña lucense permitiume afondar nos meus estudos en simbolismo e á vez continuar esta práctica en todo o territorio galego. A través destas visitas atopei un xeito de sacar á luz auténticos mapas que se converten nas miñas particulares guías no proceso de ampliar coñecemento. Desde unha realidade material que comeza nas propias dificultades para acceder ao interior dalgúns templos, ata un encontro coa riqueza simbólica que os nosos antepasados nos teñen legado. Cruzar o limiar dun templo ou de calquera edificio sacro significa, a nivel simbólico, que se penetra na propia identidade profunda. A porta sempre nos anima á viaxe, ao tránsito, aventúranos ao misterio, a traspasar o limiar da pregunta, invítanos a coñecer. Porta do Ceo é unha das advocacións nas ladaíñas da Virxe que evoca o simbolismo do feminino, pola súa invitación para profundar no misterio. O simbolismo da porta de acceso a un templo sacro lémbranos a relación entre o centro e a periferia, pois existe unha relación entre a función simbólica da porta como posibilidade visible e externa, e o centro, o máis profundo e invisible que dá sentido a todo o conxunto. O símbolo é a linguaxe da metafísica, as fronteiras entre corpo e espírito dilúense, as fronteiras entre praxes e coñecemento tamén.​

3

Con esta temática agrupei algúns artigos nos que indago acerca do simbolismo da lenda xacobea e as orixes do cristianismo en Galicia. As conexións culturais e artísticas de continuidade entre os territorios da cornixa cantábrica durante os anos posteriores á caída do Imperio Romano son de vital importancia para contextualizar o propio significado da lenda. A importancia de Galicia foi debida, probablemente, á súa localización estratéxica, situada no medio de grandes roteiros marítimos que conectaban Oriente con Occidente. Interésanos indagar neste período histórico no que non cabe dúbida do rol pioneiro e central de Galicia, que xogou un importante papel na recepción e expansión do cristianismo na Península Ibérica durante os séculos posteriores á caída do Imperio Romano de Occidente. A lenda do apóstolo fálanos da importancia simbólica dos roteiros marítimos e dunha tradición do noroeste occidental que se mantivo entre os territorios que vivían fronte ao mar (os "Finis Terrae"). Deste xeito podemos falar do simbolismo da barca como herdeiro dunha difusión atlántica e dun elemento arcaico incorporado na tradición cristiá, como o fixeron tamén os primitivos símbolos cristiáns, nun proceso de asimilación polo cal os ámbitos culturais distintos chegan a compartir ou unificar trazos de orixe diferente para compatibilizalos. A lenda do apóstolo permite, así, conservar todo o que da tradición celta arcaica podía ser rescatado para a súa supervivencia no interior dunha tradición regular como a cristiá. Eses lugares relacionados co Outro Mundo aos que tamén se accedía por mar e estaban compostos por illas marabillosas situadas ao norte ou ao oeste e ao que se chegaba seguindo o Camiño das Estrelas ou Camino da Oca, un mapa escrito no ceo que os antigos percorreron cara ao “Finis Terrae”, finalizando sempre no mar, o último recuncho occidental do mundo e o lugar onde empezaba o país dos mortos. Seica supoñía entrar no Océano dos Mortos para regresar á Vida?  ​

4

A partir do estudo dos textos bíblicos fun agrupando diferentes traballos que me serviron para investigar e profundar mellor na riqueza infinita e eterna destes textos. Tomarse o detemento necesario e deleitarse en cada versículo da Biblia permítenos descubrir como en cada un está á súa vez toda ela contida, introducirse neste universo é como entrar nunha sala de espellos do infinito.

  • Blogger - Círculo Negro
bottom of page