top of page

Venera

Venera é un proxecto artístico que integra danza, debuxo, bordado, instalación artística e divulgación. Tivo a oportunidade de crecer e desenvolverse grazas á residencia de creación do Coliving artístico de Lugo, onde tamén se nutriu da historia e idiosincrasia lucense. A presentación da peza tivo lugar na contorna natural que rodea á casa, o pasado 24 de abril. 
A base conceptual do proxecto establécese no xardín como símbolo do centro, orixe e á vez destino. Venera indaga na orixe, no principio feminino do baleiro como aquilo que posibilita o xurdimento do desexo. Penetrarse no interior das entrañas e o corazón, o máis imposible de sobornar, para atopar a beleza. O proxecto nutriuse dun proceso previo de investigación sobre o simbolismo do xardín, tomando como punto de partida o tema artístico do hortus conclusus. Neste proceso doulle continuidade á comprensión do xardín pechado medieval, actualizando a súa significación simbólica conectada á do paraíso como símbolo do centro.
A palabra venera comparte significados co manancial, coa fonte, pero tamén coas veas e os trazados da cuncha da vieira que nos conducen ás vías de regreso á orixe, é dicir, ao desexo. Alén de ser a insignia recoñecible do Camiño Xacobeo, é tamén o símbolo da deusa Venus do amor. Por iso é polo que, non por casualidade, na palabra venera atopamos tamén o significado de 'adorar en sumo grao' ou 'amar'. A relación entre o simbolismo do xardín, o templo cristián e o corpo serviron de base ao proxecto.
A visita á Catedral de Lugo deume a oportunidade de profundar no coñecemento da súa historia e a súa vinculación coas orixes da lenda xacobea. É significativa a relación do Santísimo Sacramento co Graal e a venera, os tres comparten simbolismo do feminino e do baleiro como aquilo ao redor do que se circunscribe o desexo. Nos tres tempos do xardín cristián atopamos tamén a loita cunha mesma e a greta que nos atravesa, como froito da confrontación coa imposibilidade de coincidir plenamente co propio querer. 
A metáfora do xardín demostra que o mundo e a súa historia están sempre en 'xénese', aínda a pesar das súas continuas lesións. O misterioso principio da vida reactiva esta xénese, encarnarse é crer no propio corpo e o seu misterio.
  • Blogger - Círculo Negro
bottom of page