top of page
  • Foto del escritorMarta Cuba

Santa María de Penamaior


En terras do concello de Becerreá, no val dunha das ladeiras da serra do Pico atopamos o mosteiro de Santa María de Penamaior, cunha igrexa que constitue un fermoso exemplo do Románico do século XII en Galicia. Tanto a beleza do verde deste escondido e aillado val no que se sitúa, como as historias e lendas que o relacionan coa Orde do Temple confirenlle ao conxunto un halo de misterio e beleza singulares.



Hoxe en día parece estar únicamente habitado por un conxunto de vacas que pacen tranquilamente ao seu carón e que nos observan de maneira inquietante cando nos acercamos a visitalo. Unha estampa nada casual, pois atendendo a etimoloxía do propio topónimo do concello (Becerreá) onde se asenta é posible tamén achegarnos á mirada destas vacas e os seus becerros (cría da vaca que non pasa dos dous anos). Joseph M. Piel dinos que a palabra becerro xunto con bácoro (cerdo pequeno) poderían ter a sua orixe nun dos varios idiomas indíxenas falados no territorio da antiga Gallaecia, anteriormente á sua romanización. Ambos animais foron moi valiosos dende o punto de vista material, polo seu poder de garante económico, pero tamén valiosos no seu aspecto afectivo, compoñente ausente ou menos pronunciado nos términos homólogos latinos tomados ao idioma triunfante do vencedor romano (según a teoría deste autor). En especial con respecto ao becerro e a vaca, este valor afectivo debeu ser importante, pois ainda en época de meus pais non se adoitaba comer esta carne, estando destinada unicamente á súa venta.


Situado nunha das ramificacións do Camiño de Santiago, moitos peregrinos paraban neste mosteiro para visitar a imaxe da Virxe das Abarcas e a reliquia do “Lignum Crucis” traída polos monxes dende terras lonxanas, famosos ambos polas suás dotes curativas. Resulta tanxible (que pode ser percibido pero tamén tocado) este valor sagrado do lugar onde se asenta, e incluso dos animais que o habitan, como se todo o que aquí atopamos nos fixera viaxar no tempo e no espacio hacia un lugar no que máis ben estes conceptos se diluen ou desaparecen.


igrexa penamaior
Imaxe da virxe das Abarcas

Algo que parece definir particularmente a esencia deste templo é a conciliación de elementos de diferentes procedencias e diferentes épocas, recolocados ou reciclados á maneira dun singular collage construido no tempo. Técnica, a do collage, máis propia das artes plásticas e a cultura moderna, polo que en certa medida, parece ter acadado unha particular forma de resistencia e adaptación, para sobrevivir sen renunciar á beleza e a autenticidade da que, a todas luces, bebeu nas súas orixes. Dentro desta diversidade de formas e tempos conxugados nun mesmo espazo, hai igualmente neste templo unha esencia sagrada que consegue agromar do conxunto, confiríndolle a todo él unha pegada imborrable de unidade e armonía.


SIMBOLISMO


Como a propia etimoloxía da palabra indica, derivada do verbo σύμβολον (symbolon), fórmase da raíz sym, que quere dicir ‘con’, ‘xunto’ ou ‘unido’, e de ballein, que quere dicir ‘lanzar’. Por tanto, nun sentido etimolóxico un símbolo é aquilo que se lanza para unir, ou volver a unir (reunir, religar). Sería o contrario da voz grega διαβάλλειν (diaballein) que significa lanzar ou disparar a través ou entre, separar, desunir, atacar, e dela procede a palabra "diablo", en galego diaño.


Aproveitando a orixe medieval deste cenobio, ímonos ocupar da simboloxía presente nalgúns dos seus elementos arquitectónicos, pois no período medieval como tamén na Antigüedade, ningún elemento era casual, ou arbitrario, todos os elementos constructivos do templo, a orientación, a disposición, etc estaban ao servicio dunha cosmovisión rica e complexa coa que poder transcender hacia un coñecemento máis elevado da realidade. 


Rosetón


Rosetón do muro norte do convento de Penamaior

Comenzamos con este rosetón que, de todo o conxunto é o que máis rápidamente atrae as nosas miradas. As cabeciñas humanas esculpidas no bocel de pedra máis exterior parecen recordarnos o grado de existencia cósmica no que nos atopamos fronte ao punto central dende o que se irradia ou xenera a circunferencia, símbolo da orixe, principio e verdade suprema de onde emana a Vida. O círculo é considerado unha figura perfecta xa que todos os puntos da circunferencia están á mesma distancia do centro. O círculo é a manifestación da substancia, é unha das imaxes básicas do coñecemento simbólico, xa que todo na vida e no mundo tende a realizar este movemento. O círculo representa o ceo, o cadrado a terra. Círculos e espirais son símbolos primordiais, e atopámolos dende moi antiguo en épocas prehistóricas, anteriores á escritura e á historia. Están relacionados co centro, o eixo e os ciclos: o perpetuo devir, a sístole e a diástole do universo e o home, e o constante desenvolvemento do que nace e morre, aparece e desaparece. Son imaxes da realidade, é dicir, dos niveis da cosmogonía, a ontoloxía e a metafísica.



 

O centro é o símbolo por excelencia, é a orixe, o punto de partida e o lugar de retorno. Conecta os mundos e ponos en relación. É a imaxe da unidade primordial, o centro é xenerador de movimento, pero él non se move, fai que todo xire. No rosetón de Penamaior vemos como, a partir do centro irrádianse as 4 direccións no espazo, xunto con todo o simbolismo asociado a este número, pois 4 son os puntos cardinais, ou as 4 estacións do ano, ou tamén as 4 idades do home, ou os 4 ríos que brotan da fonte do xardín do Edén, e que según a tradición, deles naceron con igual nome os que fluén pola terra enteira. O circunpunto que irradia a partir do centro cara á manifestación das cousas, pode irradiar en 4, 6, 8, 12 ou mesmo 24 divisións. Todos os rosetóns que vemos en iglesias e catedrais fan referencia a esta comprensión cósmica a partir do centro. Esta irradiación lévanos directamente ao simbolismo propio da roda, que é por excelencia a expresión do movemento e a multiplicidade, ao mesmo tempo que o é da inmobilidade orixinal e o centro inmutable. É probablemente o símbolo que máis nos conecte co resto de culturas do planeta, pois está presente na maioria delas.


Ilustración zodiacal pertencente ao Breviari d'Amor (s. XV)

Neste calendario medieval a roda zodiacal xira en torno aos meses, os meses entorno aos ceos, e no centro a terra.


Nesta outra, o Cristo simbolízase coma o Sol, a luz do mundo no centro, entorno a él a roda do zodiaco, e nas 4 esquinas as 4 estacións.

Rosetón da catedral de León

Xerarquía anxélica. Hildegard von Bingen. Visión sexta do libro de Scivias. Códice de Wiesbaden. Facsímil de 1927.

A roda do dharma é un gráfico no que se condensan os ensinos fundamentais do budismo.

Roda da vida no budismo tibetano

Pedra do Sol ou Calendario Azteca, con inscripcións alusivas á cosmogonía mexica e os cultos solares

A representación da roda co seu punto central visible foi tomada como a do sol, por numerosos pobos, e o é tamén na astroloxía e a alquimia. De feito, o percorrido do sol é representado por un carro (solar) coas súas correspondentes rodas como son os carros habituais.


Portada e tímpano



O mesmo simbolismo do que falamos anteriormente referido ao círculo como símbolo do ceo atopámolo agora reuníndose co mundo terrenal, simbolizado polo cadrado ou o rectángulo. O arco de medio punto é unha das características constructivas propias do Románico, vémolo a miudo desplegando arquivoltas sustentadas sobre capiteis de columnas, que como os troncos das árbores, asentan as suas raices na terra. As portadas da arte Románica condensan gran parte do interese artístico das fachadas nas que se integran. Están todas elas dispostas para invocar a un encontro entre o celestial e o terrenal, necesario para abrirse ao lugar sagrado que representa o templo. Tanto con medios que permitan un maior despliegue artístico e constructivo como con medios máis humildes (como é este caso), o significado é o mesmo. Para entrar ao recinto sagrado é necesario un certo recollemento ao que estas portadas invitan.


No tímpano, ese espazo que xurde do encontro entre o ceo e a terra, parecen atoparse tamén a simbiose propia do Románico entre arquitectura e escultura. Estes espazos foron utilizados para o despliegue iconográfico propio do simbolismo cristiano. Representáronse, pois, escenas de contido espiritual derivadas dos textos, as lendas e a literatura cristiana. Podemos dicir que case toda a arte esculpida, tallada ou pintada no Románico tiña unha relación direta co texto, por tanto os símbolos invitaban a unha relación fluida e dinámica entre as diferentes linguaxes, pois tamén o folclore se sustentaba sobre unha mitoloxía ancestral derivada da tradición primordial.



Observamos no tímpano de Penamaior unha curiosa figuración realizada coa técnica da talla en reserva e no que R. Sanchez Ameijeiras recoñeceu unha versión figurada da Lenda do Cabaleiro do León, según a tradición, posta por escrito por Chrétien de Troyes na súa obra Le chevalier au lion cara o 1171-1181. Neste relato cóntase como Yvain, un dos cabaleiros do rei Arturo decide dirixirse cara á fonte máxica que desata as tormentas, para vingar ao seu primo Calogrenant que fora asasinado polo cabaleiro que defendía a fonte. Unha vez alí, vénceo e casa coa súa viúva, Laudine, converténdose desde entón en defensor da fonte. Cando o rei Arturo e os seus cabaleiros chegan desencadéase un novo combate, esta vez entre Yvain e o senescal do rei, Keu, que é vencido. Tras presentar o cabalo deste ao rei como proba da súa vitoria revela a súa identidade ao grupo e deixa o lugar máxico xunto co seu antigo compañeiro Gauwain co que correrá, desde entón, diversas aventuras. Durante unha delas, no bosque, escoita uns queixumes e atópase cun león que loita cunha serpe que cospe lume pola boca. Yvain mata á serpe e para liberar ao león ten que cortar parte da súa cola. Con todo, o león, agradecido, acompañarao e axudará nas súas aventuras posteriores polo que Yvain acabará sendo coñecido como “O cabaleiro do León”.


Desta forma, segundo a autora, no tímpano de Penamaior o círculo central con ondulacións rexistradas non sería outra cousa que a fonte máxica que desencadena as tormentas e que, seguindo o relato, represéntase baixo unha árbore na que se pousan os paxaros e sobre unha lápida cor esmeralda na súa base, elemento este último que no tímpano sería o cadrado que aparece na parte esquerda. Ao seu lado, o cabaleiro que, lanza en man, cabalga a súa montura seguida doutra baleira sería Yvain co cabalo do senescal Keu. O episodio do león agradecido estaría representado, pola súa banda, na zona dereita e de forma sintética pola figura do león coa cola partida que ocupa o espazo sobre a inscrición.


"Yvain rescata ao león", miniatura de Garrett MS. Non. 125 (ca. 1295)  gardado na División de Manuscritos, Departamento de Libros Raros e  Coleccións Especiais, Biblioteca da Universidade de Princeton

A situación estratéxica desta igrexa, situada nunha das ramificacións do camiño de Santiago, e moi próxima ao santuario de Santa María a Real de O Cebreiro onde, segundo a lenda, conservaríase a ansiada copa da que trata o ciclo artúrico, non resulta difícil tampouco relacionala co vínculo que a orde do Císter tivo cos templarios, e a súa conexión co contido esotérico que gardan estas lendas. Os templarios constrúen, nun período de 150 anos nesta época en Europa máis de 80 catedrais sobre a base dun principio clave: que estaban dedicadas a María, o principio feminino. En canto a orde cisterciense é tamén destacable a estrita observancia da Regra (seguen a de San Benito), pola cal preferían fundar mosteiros en lugares silenciosos, con abundantes bosques que lles procurasen madeira, illados e próximos a ríos cos que regar os seus hortos e con canteiras das que obter a pedra necesaria para construír os seus edificios. A orde cisterciense desempeñou un papel protagonista na historia relixiosa do século XII. Como restauración da regra benedictina, a orde cisterciense promove o ascetismo, o rigor litúrxico dando importancia ao traballo manual, e ademais da función social que ocupou ata a Revolución francesa, a orde exerceu unha influencia importante nos ámbitos intelectual ou económico, así como no ámbito das artes e da espiritualidade.


Parémonos agora a falar do rico simbolismo que esconden as lendas do ciclo artúrico e o Santo Graal, pois todo isto é fundamental para comprender o valor de ese tímpano.


Os inicios do ciclo artúrico teñen a súa orixe fundamental nunha lenda segundo a cal a copa que usou Cristo na última cea, onde tivo lugar a transustanciación do viño en sangue, é a mesma que José de Arimatea utiliza para recoller o sangue e a auga de Cristo (o sangue vivifica e a auga purifica), que brotan da súa ferida tras ser lesionado pola lanza de Longuinos, cando é crucificado, un día despois da última cea. Esta copa sería transportada por José de Arimatea a Gran Bretaña, de onde resultaría o encontro coa tradición celta e druídica propia desas terras. Non é casual que gran parte do valor desta tradición estivese asentado no símbolo da copa (para todas as tradicións antigas a copa xoga un papel moi importante,o caldeiro, a crátera para os gregos... ), que eles asociaron particularmente á soberanía. Ademáis, esta copa é tamén o principio feminino,  é alí onde se verte o sangue orixinario, é o símbolo do feminino que traslada o sangue, esa será a derivación francesa desta tradición británica, con María Magdalena como símbolo fundamental da portadora do sangue real (sang royal). É así como esta tradición deriva no sur de Francia na construción de numerosas igrexas dedicadas a María Magdalena, e onde Chretien de Troyes, mediante a escritura, fai cristalizar toda unha longa tradición oral.


Un dos tapices que compoñen a serie realizada por William Morris no século XIX coa lenda do Santo Graal

Unha das particularidades da cultura celta é unha configuración que permite entender o sincretismo entre mitoloxía, relixión e historia, algo que (máis aló de conflitos históricos ou políticos) tamén podemos entrever na mitoloxía propiamente galega onde se integran á perfección todos estes compoñentes. Pero a orixe celta que se lle coñece ao Graal dá a entender sen dúbida que os druídas tiveron unha parte importante niso e deben contarse entre os mantedores formais da tradición primordial. A perda do Graal, ou dalgúns equivalentes simbólicos, é en suma a perda da tradición con todo o que esta conleva; ainda que máis que perdida, está oculta. O Graal non se atopa, pois iso sería como acabar con el, o Graal búscase, pois a igual que o misterio, canto máis se afasta, máis significado ten. Por tanto, o simbolismo do Graal está en conexión directa coa pregunta, a que non é capaz de formular Perceval na súa primeira visita ao Rei Pe(s)cador, pero que finalmente formula na súa segunda visita, e tan só con pronunciala o rei rexuvenece e con él todo o seu reino. A pregunta necesaria e correcta non é só que leve implícita a súa resposta, senón que o feito de ser capaces de expola fará que despregue todo o seu potencial de transformación. Sobre nós, sobre o mundo.



Segundo nos di René Guénon, en todas as tradicións faise alusión a algo que, a partir de certa época, perdeuse ou quedou ocultado, por exemplo oSomados hindús ou oHaomados persas, a “bebida de inmortalidade” que, precisamente ten unha relación moi directa co Graal, xa que este, segundo se dí, é a copa sacra que contivo o sangue de Cristo, a cal é tamén “bebida de inmortalidade”. Entre os xudeus, o que se perdeu é a pronuncia do gran Nome divino; pero a idea fundamental é sempre a mesma. Fálase tamén en referencia ao simbolismo dos “Cabaleiros da Mesa Redonda”, que ésta sería a terceira das mesas nas que o Graal “aparece”, pois o Graal non se atopa, o Graal aparece. A primeira desas mesas sería a da última cea, a segunda a mesa de José de Arimatea e a terceira a dos Cabaleiros, tampouco é casual que sexa redonda, pois xa falamos do simbolismo do círculo e a referencia aos elementos cósmicos e a unha mirada do mundo cíclico no que todos teñen unha participación.


Tabula Smaragdina

Alquimistas medievais e modernos asociaron a Táboa de Esmeralda coa creación da pedra filosofal e a produción de ouro.


Profundando na significación tan rica do Graal dise da súa orixe que esta copa sería tallada polos anxos a partir dunha esmeralda caída da fronte de Lucifer no momento da súa caída. E é tamén nunhas pedras de esmeralda onde se garda o coñecemento pre-diluviano herdado de Adán, para preservalo do diluvio, e a destrución acaecida na terra tras a caída dos anxos. Só Thot (ou Enoc, Hermes, Mercurio, Idris), no seu regreso a esa dimensión, puido recuperar o libro. O cal entraría en conexión directa co dobre significado da palabra Graal, que é á vez unha copa (grasale) e un libro (gradale ou graduale). Así nolo explica René Guénon: 


o Graal representa ao mesmo tempo dúas cousas que están estreitamente unidas entre si; a que posúe integralmente a «tradición primordial», que se elevou ao grao de coñecemento efectivo que implica esencialmente esta posesión, é en efecto, dese modo, reintegrado na plenitude dese «estado primordial». Con estas dúas cousas, «estado primordial» e «tradición primordial», relaciónase o doble sentido que está inherente á mesma palabra Graal, pois por unha destas asimilacións verbais que a miúdo xogan no simbolismo un papel nada desdeñable, e que ademais teñen razóns moito máis profundas do que a primeira vista un imaxinaríase, o Graal é á vez unha copa (grasale) e un libro (gradale ou graduale); este último aspecto designa abertamente a tradición, mentres que a outra se refire máis directamente ao estado mesmo.

E volvendo ao tímpano que nos trouxo ata quí, vemos tamén aquí representada esa pedra, ou lápida que no libro se describe como de cor esmeralda. Non é casual que se sitúe xunto a árbore que cubre a fonte máxica, pois todos eles son símbolos que aluden ao Paraíso terreal ou Xardín do Edén, ao cal o diluvio non puido alcanzar, morada de Enoc, e a Terra dos Santos, centro supremo, primordial e inmutable, do que emerxen os ciclos (tamén o artúrico) e o movemento propio do mundo da dualidade ao que nos arroxa esa caída que trae consigo a pérdida ou máis ben a ocultación, propia do misterio e o enigma.

Un enigma que, por outra banda, condúcenos tamén a Edipo, pois ambos deben formular unha pregunta, clave para poder avanzar, nos dous casos hai unha ferida que impide camiñar, o reino do rei Pescador está tullido, non pode avanzar, así como tamén Edipo ten unha ferida nos pés.

O león, a árbore, a lanza do cabaleiro, todos eles son símbolos que nos darían para seguir profundizando de largo, pero quero facer especial referencia ao da fonte, xa que tamén xunto a esta igrexa, hai unha rica fonte que non resulta tan casual como puidera parecer de principio. A cerca da fonte, o Diccionario de símbolos e temas misteriosos de Federico González Frías dinos o seguinte:


A fonte é unha representación da orixe das augas e ao mesmo tempo un lugar para que o ser humano poida saciar a súa sede. Esta sede para algunhas Tradicións é o Coñecemento metafísico e fálase por iso dunha peregrinación ás fontes, que dito doutro xeito é á esencia das cousas, ao que estas son na súa orixe, aínda que permanezan ocultas, como se aprecia na simple observación do movemento dun río. Igualmente simboliza os fluxos femininos, e a expresión obstétrica "romper a fonte" ou "romper augas" denota a causa inmediata do nacemento do ser. O simbolismo da fonte de auga viva dáse na descrición do manancial que xorde no centro do xardín do Paraíso terreal que forma logo catro ríos que corren cara ás catro direccións do espazo. As construcións que teñen por centro un patio cunha fonte no seu medio, están a simbolizar estas augas de Coñecemento liberadoras. A sacralidad dos mananciais é universal e teñen en moitos casos a propiedade de curar as feridas dos guerreiros ou de acougar a sede de Coñecemento dos sabios. Tamén outros pobos consideran que esta auga é a fonte de inspiración da poesía e a profecía. O manancial arquetípico é a fonte de todo Coñecemento e vida.

           



Referencias:



54 visualizaciones
bottom of page